O Ourense CF toca o ceo en Madrid
O Ourense CF é novo equipo de Segunda RFEF tras superar á AD Llerenense

Obxectivo conseguido. O Ourense CF ascende a Segunda RFEF tras derrotar á AD Llerenense na gran final que tivo lugar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas
Parabéns, Ourense CF!! O conxunto da cidade das Burgas é novo equipo de Segunda RFEF tras derrotar á AD Llerenense (4-0) na gran final do playoff de ascenso que tivo lugar na Ciudad del Fútbol de Las Rozas. Tres minutos máxicos, os últimos da primeira metade, bastaron para que os de Rubén Domínguez asinaran o tan desexado salto de categoría.

Tres minutos máxicos encarrilaron o ascenso para o Ourense CF. Tras uns primeiros 40 nos que pasaran poucas cousas, aínda que as máis claras foran para os de Rubén Domínguez nas botas de Gabri Palmás (entre elas un gol anulado a Amin por fóra de xogo), a recta final da primeira entrega foi a apoteose.
Tiago abriu a lata no minuto 43 cun zapatazo desde a frontal tras un balón longo de Marqueta, Gabri Palmás anotou o 2-0 apenas 60 segundos máis tarde ao rematar na frontal da pequena un pase da morte e Juanan Calvo marcou en propia meta o 3-0 tras unha contra de manual do elenco preparado por Rubén Domínguez. Ver para crer e acariñar un ascenso.
Co 3-0 e a euforia desatada entre a afección ourensá chegouse ao descanso na Cidade do Fútbol de Las Rozas.
Tras o paso polos vestiarios, o partido aínda se lle puxo máis costa arriba se cabe ao conxunto estremeño tras a expulsión de Ruano por dobre tarxeta amarela cando o crono avanzaba cara ao minuto 60 de partido.
O encontro foi perdendo intensidade co paso dos minutos e o Llerenense foi arriba con máis corazón que cabeza. O 3-0 da primeira metade semellaba unha misión imposible para os de Luismi Álvarez mentres que a festa continuaba entre a afección ourensá, uns 200 seareiros desprazados desde Ourense ata a capital de España.
Co Llerenense xa abatido, o Ourense CF tampouco quixo facer dano, pero Gabri Palmás sumouse de novo á festa a falta de 20 minutos para o final ao marcar o 4-0 cun zapatazo desde dentro da área.
Co 4-0 rematou o encontro e desatouse a festa na Ciudad del Fútbol de Las Rozas. O Ourense CF é de Segunda RFEF.


Ficha técnica:
Ourense CF: Marqueta; Isra, Josu, Toño Vázquez, Hugo Sanz (Xián, min. 58), Manu Rodríguez, Tiago, Nacho Fariña (Williams, min. 80), Amin (Rubén, min. 68), Jerín (Manu Mosquera, min. 80) e Gabri Palmás (Iker Hurtado, min. 80).
Adestrador: Rubén Domínguez.
AD Llerenense: Delma; Isaac (Juanan Sancho, min. 46), Konate (Zuri, min. 83), Mario Ramón, Mario Tomé (Carlos Toy, min. 82), Juanan Calvo (Jesús Toy, min. 46), Joselu, Cristo, Ruano, Chema (Moha, min. 70) e Cabezola.
Adestrador: Luismi Álvarez.
Goles: 1-0 Tiago (min. 43). 2-0 Gabri Palmás (min. 44). 3-0 Juanan Calvo, en propia meta (min. 45). 4-0 Gabri Palmás (min. 71).
Árbitros: Jorge Agustín Moreno (Aragonés). Cartón amarelo para Tiago. Expulsou a Ruano no minuto 57 por doble cartón amarelo.
Final do playoff de ascenso a Segunda RFEF.
Ciudad del Fútbol de Las Rozas.

Crónica e Fotos vía FUTGAL. Agradecementos de todo o clube a Federación Galega de Fútbol polo trato durante todo o fin de semana en Madrid.